Tradición
Xa no Codex Calixtinus, manuscrito do século XII, defínese a Galicia como «una tierra frondosa, con ríos, prados, de extraordinarios vergeles, buenos frutos y clarísimas fuentes; pero escasa en ciudades, villas y tierras de labor. Es escasa en pan, trigo y vino, pero abundante en pan de centeno y sidra, bien abastecida en ganados y caballerías, en leche y miel, y en pescados de mar grandes y pequeños…».
Os nosos devanceiros ofrecéronlles ás abellas o acubillo das súas colmeas a partir da vexetación (sobreira, piñeiro, castiñeiro…) de cada recuncho do país, de aí derivaron os nosos cortizos, covos, trobos e abelleiras, coas súas variedades redondas, de toradas ocas ou de táboas de madeira, ou as singulares colmeas ourensás con teitos de palla centea, coñecidos como «colmos».
Na procura do seu amparo e protección, en función do tipo de rocha de cada territorio, os enxeñosos canteiros foron traballando nos cerrados dos asentamentos apícolas e coa pedra e a maña foron erguendo o que hoxe coñecemos como as alvarizas, abellarizas, alvares ou cortíns. Trátase de construcións apícolas tradicionais de Galicia, realizadas en cachotería de granito ou lousa, cunha técnica coñecida como «pedra seca», que foi declarada ‘patrimonio inmaterial da humanidade’ pola UNESCO no ano 2018. Estes apiarios tradicionais, dos que contamos cun censo de aproximadamente un milleiro deles, esparexidos basicamente do leste ao oeste da nosa xeografía, teñen a finalidade de defender as colmeas dos osos ou impedir o paso do gando, así como resgardalos do mal tempo, ou mesmo sinxelamente delimitar o recinto.
Na nosa variada xeografía temos diferentes tipos de alvarizas, que podemos clasificar en apiarios defensivos altos, apiarios cercados delimitadores do acceso e apiarios protectores das inclemencias meteorolóxicas. Desta forma, os apiarios de deseño defensivo están presentes en toda a franxa montañosa oriental e central de Galicia, para protexeren as colmeas dos osos pardos. Atopámolos nos Ancares, no Courel, na media montaña de Quiroga, na Ribeira Sacra e nalgún punto da provincia ourensá, como nas comarcas de Viana e Valdeorras, ou a serra do Xurés, chegando mesmo ó interior de Pontevedra, como na serra do Candán. Pola súa banda, os apiarios cercados presentes no sur de Galicia presentan outra apicultura orixinal e cumpren esencialmente unha función protectora do acceso ao recinto, das persoas e mais do gando do monte, así como dos animais salvaxes, e por iso non precisan dunha grande altura e contan con valados de menores dimensións.
As formas destas verdadeiras «catedrais apícolas» acostuman ter maioritariamente unha planta circular ou ovalada, mais tamén de ferradura, rectangular ou cadrada, ou incluso composicións mixtas. Estes valados de pedra erguíanse do chan de 1,5 metro a 4 metros de altura sen argamasa, cun perímetro variable e unha anchura máxima de 90 centímetros. Pola súa parte, as alvarizas defensivas dos osos tiñan ademais un largo beiril no cume do muro, unha porta de pequeno tamaño, ou inexistente (accedíase cunha escada). Todas estas abellarizas están asentadas nas abas das montañas, preto dos cursos de auga, e localizadas en terras non cultivables de monte; de aí o seu difícil acceso.
Tamén atopamos apiarios antigos doutras tipoloxías, en función das condicións climáticas ou da orografía e os materiais a disposición en cada zona, como por exemplo a apicultura de muros, nichos e lacenas, colmeas integradas nos muros das vivendas ou noutras construcións, moi habituais no occidente de Galicia, en particultar na Costa da Morte.
Ademais, Galicia conta tamén cun espectacular patrimonio tradicional cereiro, como son os lagares de cera, cas súas pías, curadoiros ou eiras de branqueo da cera. Encontramos numerosos exemplos na Terra de Montes, a serra do Candán, a serra do Suído e Covelo, testemuñas da importancia desta industria na historia do noso país ata ben entrado o século XX.