Un proxecto da Asociación Galega de Apicultura
Proxecto de Apiturismo
O proxecto Apiturismo de Galicia, promovido pola Asociación Galega de Apicultura, ten como obxectivos principais poñer en valor unha apicultura milenaria, que forma parte da nosa rica e abondosa etnografía, e atraer visitantes de todas as partes do mundo que queiran descubrir unha apicultura senlleira, gozar dunhas fermosas paisaxes e coñecer os produtos apícolas naturais que nos ofrecen as variadas flores silvestres dos vales, montes e montañas de Galicia.
Esta iniciativa comezou a desenvolverse no ano 2019 co proxecto «Apiturismo Xacobeo 2021», realizado co apoio da Xunta de Galicia a través do programa «O Teu Xacobeo». Consistiu na elaboración de materiais para a promoción do apiturismo, na realización de actividades de difusión por Galicia, España e o estranxeiro, así como na creación do Centro de Información do Apiturismo de Galicia. O obxectivo era dar a coñecer esta nova forma de facer turismo a través do mundo das abellas, mentres que paralelamente se ían poñendo en marcha as diferentes rutas por Galicia, coa implicación de apicultores e apicultoras e entidades locais, a preparación do persoal encargado de recibir as visitas e a configuración de cada ruta. Actualmente están xa activas a maioría das rutas; as outras poucas restantes están en proceso de posta en funcionamento en breve. Para realizar algunha destas oito rutas ou organizar unha viaxe de apiturismo por Galicia as persoas interesadas poden contactar co Centro de Información de Apiturismo de Galicia.
Foro Apiturismo 2021
3 e 4 de xullo
Arzúa