Paisaxe

Pintorescas Paisaxes

As fermosas e pintorescas paisaxes de Galicia son o berce dunha apicultura senlleira, que nos ofrece dende tempos remotos uns produtos apícolas coñecidos e valorados polas súas calidades naturais. Unhas paisaxes de flores cargadas de pole e néctar, que propician o asentamento das abellas. Ademais dos valiosos meles, ofrécennos de xeito inseparable as súas fermosas floracións repartidas ó longo do ano, que darán lugar logo ós ricos e variados froitos resultantes da unión indispensable entre plantas e abellas.

Entre esas abundantes flores destacan as do castiñeiro, Castanea sativa, considerada a flora de maior interese apícola de Galicia. Distribúese illadamente ou ben formando bosques, denominados «soutos», que son moi abundantes nas provincias de Ourense e Lugo e nalgunhas comarcas da Coruña e de Pontevedra. O seu valor apícola é moi elevado, pois producen boa cantidade de néctar, pole e mesmo, ao final do verán, melada. As candeas, como se coñece á flor do castiñeiro ou castiro, iluminan a paisaxe e enchen de recendo os bosques a comezos do verán.

A paisaxe de tonalidades violetas que nos presentan as uceiras nos montes do interior de Galicia constitúe un verdadeiro espectáculo para a contemplación, así como unha fonte de néctar para as abellas. Estas uceiras constitúen frecuentemente formacións vexetais mixtas con xesteiras. As uces, queirogas ou carpazas, do xénero Erica, fundamentalmente a E. umbellata, teñen un valor apícola alto, xa que a súa floración comeza en febreiro e finaliza en agosto. En canto ás xestas, da familia Leguminosae, planta de interese apícola pola súa produción tanto de néctar coma de pole, estas contribúen na primavera ás manchas brancas ou amarelas dos montes, en función da especie predominante en cada zona.

Na paisaxe rural de Galicia non poden faltar as silveiras, outra das plantas de flores melíferas de Galicia. O mel de silva, xénero Rubus da familia das Rosaceae, prodúcese nas zonas rurais do interior de Galicia onde esta planta, utilizada tradicionalmente para servir de valo natural, consegue sobrevivir hoxe en día colonizando terras agrícolas abandonadas. Son plantas moi importantes pola súa produción de pole e néctar. As silveiras comezan a florear a finais de maio e rematan en agosto.

Os eucaliptais, bosques de eucalipto, abundan en toda a franxa costeira como consecuencia das repoboacións forestais. A floración ten lugar en individuos adultos durante os meses de novembro a marzo, co que se logra un alto rendemento na secreción de néctar, e produce grandes cantidades de mel monofloral. Desta árbore destaca no ámbito melífero a especie do Eucalyptus globulus.

O carballo, árbore ligada á nosa paisaxe dende sempre, así como á nosa cultura e tradicións, ten tamén unha gran relevancia na produción apícola pola súa capacidade para producir melada; en concreto, a especie Quercus pyrenaica (rebolo cerqueiro), sobre todo no sur da provincia de Lugo e na metade oriental da provincia de Ourense. As frondosas carballeiras, fragas de carballos presentes en case todas as aldeas de Galicia, van perdendo o seu espazo debido ós cambios dos usos do monte, pero seguen a ofrecer o seu abeiro a numerosas especies animais, entre elas as abellas, así como o seu refuxio para momentos de descanso e de lecer das persoas.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Configurar y más información
Privacidad