A apicultura galega é única no mundo. Unha tradición milenaria rodeada de fermosas paisaxes que perdura ata hoxe e nos ofrece uns produtos extraordinarios, elaborados polas nosas abellas a partir de flores silvestres e recollidos dende tempos remotos polos abelleiros e as abelleiras do noso país.
A historia da nosa apicultura está escrita en pedra, esencialmente en muros de cachotería e lousas. As alvarizas, abellarizas, alvares ou cortíns constitúen o elemento destacado do patrimonio tradicional apícola de Galicia, cun censo de aproximadamente un milleiro delas, esparexidas basicamente do leste ao oeste da nosa xeografía. Trátase de construcións milenarias senlleiras no mundo, realizadas coa técnica coñecida como «pedra seca», que foron declaradas patrimonio inmaterial da humanidade pola UNESCO no ano 2018, co que son obxecto de protección e conservación, e que tiñan a finalidade de protexer os cortizos, trobos ou covos ―diferentes termos e conceptos das colmeas tradicionais de Galicia― dos osos ou do gando montesío, así como resgardalos do mal tempo, ou mesmo delimitar o recinto. As colmeas de lacenas, nichos e muros, integradas nas propias vivendas e outras edificacións, ou as singulares colmeas de teitos de palla son diferentes mostras da diversa e rica apicultura tradicional galega. Na nosa terra é relevante tamén o patrimonio cereiro, coa presenza de numerosos lagares, pías e eiras da cera, que nos indican a grande importancia que tivo durante séculos a industria galega da cera.

Unha nova maneira de facer Turismo

Nos nosos meles podemos contemplar, ulir e degustar as variadas paisaxes galegas. En Galicia, de sempre, cultiváronse as abellas e consumíronse os seus exquisitos meles, procedentes da multitude de flores silvestres dos nosos montes. Contamos cun amplo abano de cores nos nosos meles multiflorais e meles monoflorais con moita sona, como os de castiñeiro e breixo (queiroga, carrasca, uz), e mesmo os de eucalipto, así como o melato de carballo e unha diversa gama de «meles de paisaxe», provenientes de parques naturais ou reservas da biosfera. Os abelleiros e as abelleiras que recollen esta esencia da natureza realizan un procesado artesanal e contan ademais coa Indicación Xeográfica Protexida-Mel de Galicia.
Todo este valioso patrimonio tradicional, natural e gastronómico é o que fai a nosa apicultura única e diferente, un auténtico tesouro que debemos visualizar, conservar, protexer e coñecer en todos os seus diversos panoramas.

AS NOSAS RUTAS

Apiturismo en Galicia é vivir unha experiencia única e diferente na que achegarte ó apaixonante mundo das abellas. As través das nosas rutas poderás coñecer a diversidade e riqueza da apicultura de Galicia, percorrendo as montañas dos Ancares e O Courel, asombrándote coas paisaxes únicas da Ribeira Sacra ou Candán e descubrindo os tesouros agochados nas aldeas e montes da Costa da Morte.

EXPOSICIÓN DE APITURISMO

Queres vivir unha experiencia única
e MILENARIA?

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Configurar y más información
Privacidad