A Ribeira Sacra
Un lugar con vistas espectaculares ó val do Sil
APICULTURA HEROICA
Nos canóns dos ríos Sil e Miño
Nas fermosas e abruptas paisaxes dos canóns dos ríos Sil e Miño practicaban a apicultura heroica os nosos devanceiros. Dende o miradoiro do Pé do Home, en Nogueira de Ramuín, podemos divisar a alvariza do Vello, situada nun lugar con vistas espectaculares ó val do Sil.

A Ribeira Sacra abarca o territorio dun conxunto de vinte e un municipios, do sur da provincia de Lugo e o norte da provincia de Ourense, co curso fluvial dos ríos Miño, Sil e Cabe como elemento aglutinador.
O río Miño discorre neste territorio encaixado entre ladeiras pronunciadas, formando numerosas curvas e creando característicos meandros. A paisaxe que o rodea alterna o cultivo da vide con bosques caducifolios e piñeirais. A profunda garganta de roca que é o canón do Sil, tamén famosa polos seus viñedos, non deixa indiferente a quen a contempla. Ao longo de máis de trinta e cinco quilómetros levántanse dúas paredes que nalgunhas zonas elévanse ata os cincocentos metros en vertical sobre as súas augas.
Os viñedos característicos destas ladeiras, coas súas terrazas graduadas en bancales para poder aproveitar o terreo inclinado, foron traballadas desde a chegada dos romanos, e despois aproveitadas polos monxes que se asentaron por esas terras, fundando grandes mosteiros. En moitos dos viñedos atoparemos pequenas adegas construídas en pedra, que gardan os deliciosos viños que aquí se producen.
A presenza monacal neste lugar favoreceu a continuidade na produción da uva, pero tamén doutros produtos, como o mel e a cera. Esta impoñente paraxe presentaba unhas magníficas condicións para as abellas. As numerosas alvarizas ( colmenares) que atopamos empolicadas nas verticais ladeiras —mostra do asentamento do oficio abelleiro desde tempos antigos— están situadas en lugares de tan complicado acceso que parece imposible que os nosos devanceiros puidesen desenvolver alí esta actividade. Na actualidade, consérvanse aínda restos de moitos destes apiarios fortificados. Desde o miradoiro de Pé do Home, en Nogueira de Ramuín, podemos divisar a alvariza do Lanuxe, un exemplo da apicultura heroica practicada polos nosos antepasados.