O COUREL

Paisaxe e apicultura de montaña

COUMEL

Como socios de AGA (Asociación Galega de Apicultura) e produtores apícolas en Seceda, ofrecemos visitas guiadas para coñecer a apicultura desta serra.

Coumel /köumɛl/ conta con dúas alvarizas ou alvares (que é o nome que reciben aquí os apiarios tradicionais) restaurados, que teñen a finalidade de realizar actividades de divulgación e degustación dos produtos apícolas que producimos.

Os alvares de Coumel atópanse no percorrido da Ruta dos Alvares, ruta pertencente ás Rutas do Oso e o Mel do Courel, na aldea de Seceda.

O alvar da Costa, restaurado e con colmeas modernas para a produción apícola, visitable en grupos para gozar da experiencia de coñecer de preto o mundo das abellas, encóntrase no medio do souto no trazado da ruta e só é accesible a pé. E o alvar de Escontrela, alvariza visitable cunha mostraxe das colmeas tradicionais de Galicia (cortizos, covos e trobos), sen abellas e accesible por estrada, no que se realizan actividades de divulgación apícola e mostra e degustación dos produtos das abellas para todos os públicos.

As actividades son adaptadas ás necesidades e características dos grupos, e precísase o previo contacto, a través da oficina de apiturismo de AGA, para poder organizar unha visita.

A serra do Courel, Reserva da Biosfera e primeiro Xeoparque de Galicia, é un paraíso para as abellas. Trátase dunha paisaxe de montaña, na cal atopamos soutos (antigas plantacións de castiñeiros) arredor das aldeas e devesas, típicas do Courel e únicas en Galicia, como a Devesa da Rogueira, un dos bosques máis antigos de Galicia, con máis de oitocentas especies botánicas e percorrida por numerosas fontes de auga. O Courel está salpicado por aldeas de lousa escondidas que conservan un inmenso valor etnográfico. Un destes tesouros do noso patrimonio é a aldea de Seceda, declarada «ben de interese cultural». 

A parroquia de Seceda é unha das zonas de maior concentración de alvarizas de toda Galicia, moitas delas aínda en uso para compatibilizar a produción apícola coa presenza do oso. Alí atópanse as Rutas do Oso e o Mel do Courel, tres rutas diferentes para descubrir a paisaxe de Seceda, entre elas a Ruta dos Alvares (circular, 7 km), na que se encontran os alvares de Coumel e onde se levan a cabo as actividades de apiturismo deste proxecto apícola. 

Vídeo da Ruta dos Alvares

Seceda (O Courel)

17 e 18 de agosto de 2021

DESCARGAS




ENLACES DE INTERESE

Fundación Oso Pardo – Rutas do Oso e do Mel: https://fundacionosopardo.org/life-oso-courel-rutas-do-oso-e-o-mel-do-courel/

Geoparque Montañas do Courel https://www.courelmountains.es/

MULTIMEDIA

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Contiene enlaces a sitios web de terceros con políticas de privacidad ajenas que podrás aceptar o no cuando accedas a ellos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Configurar y más información
Privacidad